Monday 13 de May de 2024

Moeche aproba un orzamento municipal superior aos 2,2 millóns de euros


O Pleno municipal aprobou hai uns días, co voto favorable do grupo municipal do BNG e a abstención do Grupo Municipal do PP, o Orzamento xeral do presente exercicio por importe de 2.214.400,00€, o que supón un incremento inicial dun 4,47% respecto ao ano anterior. O documento presentado polo Goberno municipal recolle uns gastos e ingresos “equilibrados” cos que o Executivo local busca a “eficiencia e a eficacia na xestión municipal”, ademais de “garantir e consolidar” a progresiva ampliación dos servizos, nomeadamente na área de Benestar Social, así como o capítulo de investimentos e a atención a demandas recollidas nas asembleas participativas. Nesta mesma semana o orzamento terá un incremento de 208.400.93€ pola incorporación de remanentes destinados a investimentos.

Se ben o apartado de gastos é o que adoita resultar de maior interese pola súa repercusión e visibilidade na xestión municipal, o de ingresos é fundamental, pois reflicte a capacidade dun concello para xerar e procurar os novos ingresos, “básica para garantir a xestión e execución dos gastos”, explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy.

Os ingresos proceden principalmente das achegas doutras administracións, como por exemplo a participación nos tributos do Estado -son as transferencias correntes- e daquelas axudas recibidas polo Concello para obras e prestación de servizos, as transferencias de capital: o POS+ provincial, as subvencións que o concello consegue, como aconteceu recentemente cos fondos europeos – algo máis de 1.123.000 euros- para avanzar na mellora do recinto feiral coa creación de novos espazos funcionais (cantidade aínda non incorporada ao novo orzamento) – ou outras para patrimonio, a mellora das redes de abastecemento, das vías, novas iluminacións públicas ou a contratación de persoal en diferentes áreas. Os dous apartados, as transferencias correntes e as de capital, conforman o groso os ingresos, con 1.555.700 euros, que vén ser o 70,24% dos ingresos totais.

O Concello presenta un incremento do orzamento “sen que isto supoña, xa desde hai oito anos, a suba dos impostos como IVTM, IBI ou IAE nin as taxas como a auga ou o lixo. É máis, nestes últimos anos introducíronse bonificacións no IBI que supoñen importantes aforros para as familias”, asegura a rexedora, engadindo que neste tempo só se incrementaron lixeiramente algúns prezos públicos de determinadas actividades deportivas ou servizos culturais. Os ingresos estimados por estes conceptos supoñen o 27,44%.

O apartado do gasto corrente -combustible, luz, auga, e bens e servizos públicos, consignación para cultura, feiras, comercio,educación e servizos de conciliación entre outros- supón un 36,8% do orzamento e ascende a 815.000,00 €. O capítulo aumenta un 12,48% con respecto ao ano anterior debido á forte suba do prezo da electricidade, dos combustibles ou do prezo que se lle paga ao Concello das Somozas pola subministración da auga. Bascoy pon como exemplo destas subas que en 2022 “pagáronse cerca de 170.000 euros polo consumo eléctrico da luz pública e dos edificios municipais, fronte aos pouco máis de 80.000 do ano 2021”.

Así mesmo, medra o apartado de gastos de persoal nun 5,9% para atender a creación de novas prazas e a suba dos salarios na Administración establecida polo Estado e o incremento adicional do 1,5% para as retribucións do exercicio anterior de 2022. Inclúense dúas novas prazas de carácter estrutural, é dicir, permanentes, unha de auxiliar administrativo, a tempo parcial, e outra técnico/a do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, como persoal laboral fixo descontinuo. Por outro lado, apunta Beatriz Bascoy, “na liña do Goberno de apostar pola área de Benestar Social, consolídanse as 6 prazas do Servizo de Axuda no Fogar, incluídas as dúas temporais creadas no período do COVID , que agora pasarán a formar parte da oferta pública de emprego, e 2 máis de carácter temporal para as suplencias nos períodos vacacionais”.

Apoio ao tecido social e investimentos

A dotación para axudas a entidades asociativas, familias e outras continxencias, supón un total de 50.600 euros, unha contía lixeiramente superior á de 2022 (un 3,27% máis). Este capítulo, – transferencias correntes- inclúe as axudas por estudos e transporte, a entidades asociativas sen ánimo de lucro, unha nova liña de axudas a persoas vulnerables para facerlle fronte ao consumo enerxético, e os convenios con diferentes entidades como a Escola de Fútbol Irmandiños, ADC Moeche, Escudería Moeche, Club de Montaña de Moeche e A.C. Irmandiños de Moeche, destinadas “á organización de actividades singulares ou o mantemento de instalacións cedidas”.

No apartado de investimentos reais aprobouse un total de 734.950,00 euros, financiados con transferencias de fondos doutras administracións e con recursos propios. A cifra é 33,19% do total dos orzamentos e na relación de obras e subministracións que se van executar ou se estan executando, cómpre destacar a inclusión da construción das beirarrúas en diferentes zonas de San Ramón, en Abade, a ampliación da rede de auga en San Xoán e Santa Cruz, os novos puntos de captación de auga, a mellora da iluminación do pavillón polideportivo, a instalación de válvulas redutoras de presión de auga, a mellora e adecuación das beirarrúas na zona da Casa Niño e Casa do Maior, a adquisición de terreos, ou da nova iluminación da estrada provincial do tramo da Casabranca, un proxecto para o que foi denegada a axuda pola Dirección Xeral de Administración Local e agora acordouse incluíla nos fondos achegados pola Deputación da Coruña no POS+ para garantir a súa execución; así como varias actuacións na rede viaria municipal das cinco parroquias.

Na relación do orzamento municipal van nomeados unha vintena de proxectos aos que hai que sumar os que se levarán a cabo coa próxima incorporación de remanentes económicos, así como o traslado ás contas dos máis de 50.000 euros do plan de camiños cofinanciado pola AGADER.

“O capítulo de investimentos aumentará coa incorporación de remanentes, unha vez que xa foi aprobada a liquidación do 2022, así como das subvencións obtidas que aínda non puideron incluirse na aprobación do orzamento realizada a pasada semana, por cuestión de procedemento administrativo, como é o caso dos importes do plan de camiños municipais de AGADER, os programas de emprego Aprol Rural e PEL, cuxa aprobacion definitiva non foi publicada no momento de pechar as contas, ou mesmo a axuda dos fondos europeos, entre outros” explica Beatriz Bascoy.